Conceptos clave da Idade Moderna en España e Galicia
Classé dans D'autres langues étrangères
Écrit le en
français avec une taille de 4,38 KB
Glosario histórico da Idade Moderna
Xuntas do Reino de Galicia
Organismo intermediario entre o Reino de Galicia e a Coroa, encargado de xestionar e pór en marcha as decisións da monarquía hispánica e tamén de presentar ao rei as peticións de Galicia. Tiñan capacidade para conceder diñeiro ao monarca, ordenar levas militares, distribuír cargas fiscais e aconsellar ao rei. Creáronse no século XVI e eran a representación do reino de Galicia, sendo convocadas polo rei.
Valido
Secretario real ao que o soberano outorgaba a súa confianza, ata o punto de entregarlle a dirección do goberno do reino. En España esta privanza xeneralizouse no século XVII, cando os monarcas abandonaron o exercicio directo do poder. Destacan o duque de Lerma, con Filipe III, e o conde-duque de Olivares, con Filipe IV.
Unión de Armas
Proxecto elaborado polo conde-duque de Olivares en 1625 no que, ademais da supremacía da Monarquía Hispánica, establecía un reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos, a cal ata entón recaía no reino de Castela. Establecía a creación dun exército permanente de 140.000 homes repartidos entre os distintos reinos en función da súa poboación e riqueza. Isto orixinou protestas e sublevacións en territorios como Portugal e Cataluña.
Antigo Réxime
Sistema político e social dos países europeos anterior á implantación dos réximes liberais no século XIX. Xurdiu no século XVI coa implantación da monarquía autoritaria que se superpuxo ao feudalismo medieval. Reforzouse nos séculos XVII e XVIII coa monarquía absoluta e o Despotismo Ilustrado. O poder concentrábase no monarca (exemplo: Luís XIV, o Rei Sol).
Catastro de Ensenada
Censo de fincas rústicas e urbanas realizado por Zenón de Somodevilla, marqués da Ensenada e ministro de Fernando VI, para coñecer a riqueza no reino de Castela. Con el tentou crear un imposto único (a Única Contribución), proxecto que fracasou pola oposición das clases privilexiadas en 1749.
Decretos de Nova Planta
Serie de disposicións que suprimiron as institucións políticas propias dos reinos de Aragón, Valencia, Mallorca e Cataluña. Foron promulgadas por Filipe V en resposta ao apoio destes territorios ao arquiduque Carlos na Guerra de Sucesión Española. Estes reinos foron convertidos en provincias e gobernados segundo o modelo castelán entre 1707 e 1716.
Despotismo Ilustrado
Variante política do absolutismo monárquico que se estendeu por Europa a mediados do século XVIII, concibida como un medio para incrementar a riqueza do reino e lograr a felicidade e o benestar dos seus súbditos. O seu lema foi: «Todo para o pobo, pero sen o pobo». O seu máximo representante en España foi o rei Carlos III.
Motín de Esquilache
Tumulto protagonizado polo pobo de Madrid en 1766 contra Esquilache, ministro de Carlos III. A causa inmediata foi a orde que prohibía o uso da capa longa e o sombreiro de aba ancha. A orixe do conflito residía no descontento social pola suba do prezo do pan e na xenofobia motivada pola abundancia de ministros italianos. Esta situación foi manipulada por grupos nobiliarios e eclesiásticos contra as reformas de Carlos III, tendo como consecuencias a destitución de Esquilache e a ralentización das reformas.
Paz de Utrecht
Tratado de paz asinado nesta cidade en 1713 entre España e Inglaterra, que puxo fin á Guerra de Sucesión Española. Por medio deste acordo recoñecíase a Filipe V como rei de España a cambio da cesión de Xibraltar e Menorca a Gran Bretaña, potencia que tamén esixiu concesións de exclusividade no comercio con América, tales como o navío de permiso e o asento de negros.
Regalismo Borbónico
Doutrina política e xurídica continuada no século XVIII que afirmaba a superioridade da Monarquía sobre a Igrexa (iniciada polos Reis Católicos). Os Borbóns tentaron limitar o poder eclesiástico controlando os nomeamentos dos cargos, o seu número de efectivos e a súa riqueza. Esta política iniciouse con Filipe V e consolidouse con Fernando VI.