A Ditadura Franquista: Posguerra e Desenvolvemento
Classé dans D'autres langues étrangères
Écrit le en
français avec une taille de 17,3 KB
A Ditadura Franquista: A Posguerra (1939-1959)
1. O carácter do réxime franquista
A. Un réxime ditatorial
O novo Estado franquista caracterizouse por:
- A concentración de poderes na persoa de Franco.
- Totalitarismo: suprimiuse a Constitución de 1931 e prohibíronse os partidos políticos.
- Carácter unitario e centralista do Estado: abolíronse os estatutos de autonomía.
- Constante represión dos vencidos e da oposición.
- Control dos medios de comunicación, suxeitos a unha ríxida censura.
B. O apoio do exército, do partido e da Igrexa
O exército foi o apoio máis destacado do réxime. A Igrexa católica tivo un papel destacado no réxime, que se definía como un Estado confesional católico.
C. As actitudes sociais
As diversas actitudes sociais respecto ao franquismo clasificáronse en tres: apoio, pasividade e rexeitamento.
A meirande parte dos sectores populares (considerábanse perdedores da Guerra Civil) foron sometidos a unha extrema vixilancia e represión.
D. As familias do réxime
Dentro do franquismo sempre coexistiron diferentes familias ou tendencias ideolóxicas que rivalizaban por ter o máximo poder e influencia.
A Igrexa influíu tamén na vida política do réxime a partir de diversos grupos de presión como a institución relixiosa Opus Dei (vai dirixir a política de Franco cando se volva un sistema capitalista).
2. A consolidación do franquismo (1939-1951)
A. A necesidade dun cambio de imaxe
Coa derrota de Alemaña, o franquismo tivo que asumir que o seu mantemento esixía tomar distancias do fascismo.
B. Os anos do boicot internacional (1945-1947)
A posguerra mundial supuxo para o franquismo unha etapa de illamento e rexeitamento internacionais.
Francia decidiu o peche da súa fronteira con España e a retirada dos embaixadores de Madrid.
España apenas recibiu axudas económicas: non puido beneficiarse do programa de axuda norteamericana a Europa (Plan Marshall).
C. A Guerra Fría salva o franquismo
A partir de 1947, coa configuración de dous bloques antagónicos e o inicio da Guerra Fría, era máis importante para os Estados Unidos e os países occidentais contaren cun bo aliado. Pouco a pouco deuse paso á aceptación internacional do réxime.
D. A institucionalización do réxime
As Cortes españolas non tiñan ningunha representación democrática, e todos os seus membros eran designados desde o poder. Organizáronse os Sindicatos Verticais, que dependían dun secretario xeral con rango de ministro.
E. A política económica da autarquía
Un dos obxectivos iniciais do franquismo foi conseguir unha autosuficiencia económica (autarquía). Fomentouse unha política que propugnaba o illamento do exterior.
A política autárquica tivo os seguintes ámbitos de actuación:
- A regulamentación do comercio exterior, que reduciu as importacións. O resultado foi o encarecemento dos produtos que se debían importar (como o petróleo).
- Fomento da industria: priorizou os investimentos en sectores vinculados á defensa militar. Creáronse as primeiras grandes empresas: Iberia, Endesa, Renfe.
- A regulación estatal da comercialización e dos prezos.
A política autárquica levou ao país a un profundo estancamento económico caracterizado polo colapso do comercio exterior.
F. Racionamento, mercado negro e estraperlo
Os agricultores estaban obrigados a entregar toda a produción a un prezo de taxa e a Administración encargábase de vender os produtos ao consumidor, que se distribuían mediante unha cartilla de racionamento. Moitos produtores preferían esconder a produción para vendela no mercado negro (estraperlo).
G. Unhas duras condicións de vida e traballo
O nivel de vida da poboación diminuíu. A fame afectou a unha parte moi significativa da poboación. A miseria xeneralizada manifestouse tamén na carencia de vivendas dignas.
3. O recoñecemento internacional (1951-1959)
A. Do falanxismo ao nacionalcatolicismo
O malestar creado polas duras condicións de vida e de traballo, así como pola opresión política, provocaron protestas, como a folga xeral de Bilbao e o movemento popular de Barcelona. O novo gabinete abriu unha etapa política caracterizada polo predominio do nacionalcatolicismo en detrimento dos falanxistas.
B. A entrada no contexto internacional
O definitivo recoñecemento internacional chegou en 1953 coa sinatura dos acordos cos Estados Unidos e do establecemento do Concordato coa Santa Sé. Os tratados cos EEUU levounos a obter de España o dereito a establecer e utilizar unha serie de instalacións militares en territorio español.
C. A necesidade de reorientación económica
A situación económica era moi difícil. Houbo unha ondada de protestas nos principais núcleos industriais que conduciron a un importante movemento de folga. Unha nova remodelación do Goberno deu entrada aos chamados tecnócratas, algúns procedentes do Opus Dei, coa intención de proceder a unha liberalización económica e de apertura comercial ao exterior.
D. A Lei de Principios do Movemento Nacional
Unha das primeiras actuacións do novo gabinete foi a Lei de Principios do Movemento Nacional, que actualizaba os principios directores do réxime sen alterar para nada a súa natureza ditatorial.
4. O adoutrinamento da sociedade
A. As normas de comportamento social
Impúxose un culto a Franco, que era enxalzado polas publicacións e medios de propaganda oficiais. A organización xuvenil foi a Fronte de Xuventudes, que organizaba campamentos, concentracións e ciclos educativos de formación política. A rama feminina do Movemento era a Sección Feminina de FET y de las JONS.
B. O sometemento da muller
Para as mulleres o franquismo significou a perda de todos os dereitos conseguidos durante a Segunda República e a consolidación dun sistema de valores machista.
C. Unha educación para adoutrinar
A educación converteuse nun importante medio de adoutrinamento político e relixioso. Impúxose a obrigatoriedade da relixión e da Formación do Espírito Nacional.
5. A resistencia no interior
A. Do desmantelamento á clandestinidade
Os partidos e sindicatos opositores quedaran desmantelados. O PCE foi o partido que, en maior medida, conseguiu refacer a súa estrutura e manter certa actividade clandestina.
Primeira etapa: de 1939 ata principios de 1944
A actuación da resistencia interior resultou moi limitada, e o máis significativo foi a persistencia dunha pequena actividade guerrilleira (maquis). Algunhas organizacións opositoras promoveron un intento de sublevación armada. A acción máis importante foi a invasión do Val de Arán, pero tiveron que se retirar e a acción acabou en fracaso.
Segunda etapa: de 1944 a 1947
Creáronse unhas condicións favorables a unha hipotética caída do réxime franquista. Creouse a Alianza Nacional de Forzas Democráticas.
Terceira etapa: de 1948 a 1951
A desmoralización provocada pola consolidación da ditadura levou a unha recomposición do movemento opositor. Fíxose evidente o progresivo distanciamento entre a oposición do exilio.
B. O rexurdimento da conflitividade social
Empezou a rexurdir en España un tímido movemento de protesta. O PCE centrouse na acción política clandestina. Sectores obreiros católicos como a HOAC empezaron a expoñer reivindicacións sociais e laborais. Houbo conflitos laborais nos sectores téxtiles e tamén se desenvolveu un importante movemento estudantil.
A Ditadura Franquista: O Desenvolvemento
1. Liberalización económica e plans
A. O Plan de Estabilización
Cara a 1957 a economía española estaba ao bordo do colapso. A nova orientación económica quedou plasmada no Plan de Estabilización que abranguía:
- Estabilización da economía: limitáronse os créditos bancarios e conxeláronse os salarios.
- Liberalización interior da economía: eliminación de organismos estatais interventores.
- Liberalización exterior da economía: eliminación de obstáculos á entrada de mercadorías estranxeiras e ao investimento de capitais exteriores.
B. A hora dos tecnócratas
Incorporouse unha nova xeración de políticos máis preparados profesionalmente. Consideraban necesario realizar reformas administrativas e impulsar unha política de crecemento económico. O “gran desenvolvemento económico” sería a principal garantía de estabilidade social e de continuidade política.
C. Os plans de desenvolvemento
Puxéronse en marcha uns Plans de Desenvolvemento Económico e Social co obxectivo de impulsar a actividade do sector público e de ofrecerlles previsións e axudas aos investidores privados. Os resultados da planificación franquista foron moi limitados.
D. O papel do Estado
Para incrementar os seus recursos púxose en marcha unha reforma fiscal que resultou insuficiente. Os orzamentos dos ministerios dedicados a servizos sociais e infraestruturas experimentaron un notable crecemento.
2. Os anos do crecemento económico
A. O protagonismo da industria
A industria aumentou a súa produción a un ritmo do 10% anual. Produciuse ademais unha diversificación da produción derivada dun notable crecemento do sector metalúrxico. As zonas con maior tradición fabril continuaron o seu predominio, aínda que tamén se produciu a industrialización de novas zonas.
B. A transformación da agricultura
Desenvolveuse a intensificación dos cultivos e a creación de modernas explotacións gandeiras. Xunto coa mecanización agrícola provocou que moitos campesiños abandonasen o campo. O éxodo rural implicou a diminución da poboación activa agraria en case dous millóns de persoas.
C. Modernización dos servizos e da construción
Produciuse un considerable incremento do peso dos servizos na economía. O comercio internacional medrou notablemente. A construción tamén se viu especialmente incentivada. A necesidade de financiamento promoveu o desenvolvemento do sector bancario.
D. A fraxilidade do modelo económico
Se ben a capacidade de produción se incrementara, tamén o fixera a dependencia da economía española de factores externos. A falta de recursos públicos tamén levou á crise.
3. Europa salvou a España?
O “milagre español” non veu como consecuencia das decisións do goberno, senón como o resultado da vinculación da economía española ao mercado internacional. Os recursos financeiros proviñan de:
- As remesas dos emigrantes.
- As divisas achegadas polos turistas.
- Os investimentos realizados por empresas estranxeiras.
España recibiu sobre todo de países europeos os recursos financeiros que permitiron equilibrar o déficit na balanza de pagamentos.
4. Os cambios demográficos e sociais
A. Un gran crecemento demográfico
España (1960-1975) experimentou o aumento de poboación máis elevado da súa historia, debido ao notable descenso da mortalidade e a que se mantivo unha elevada taxa de natalidade.
B. Do campo á cidade
O fenómeno demográfico máis destacable desta etapa foron os movementos migratorios. O éxodo rural foi moi intenso nas zonas agrícolas latifundistas.
C. Os cambios na estrutura laboral e social
O desenvolvemento industrial e do sector servizos deu lugar a un cambio notable da estrutura socioprofesional ao incrementarse notablemente os asalariados, ao tempo que a clase media aumentaba o seu peso social e se consolidaba unha nova burguesía urbana.
D. A mellora do nivel de vida
Os mellores salarios da industria elevaron tanto a renda per cápita como a familiar.
5. A modernización da sociedade
As transformacións sociais propiciaron o progresivo abandono de boa parte das actitudes da ríxida moralidade da posguerra. Impoñíanse os hábitos sociais que predominaban en Europa. Evidenciouse nos seguintes aspectos:
- O progresivo acceso á sociedade de consumo.
- Un proceso de laicización e secularización.
- O acceso á ensinanza básica de todos os españois.
- A modificación da estrutura familiar, que implicou o tránsito da familia ampla á nuclear.
- O cambio no papel da muller coa crecente incorporación ao mundo dos estudos e ao traballo asalariado.
6. Reformismo político sen liberdades
A. O limitado reformismo dos tecnócratas
O obxectivo destes gobernos orientouse esencialmente cara á promoción do desenvolvemento económico, pero tamén cara a unha renovación política.
B. As reformas institucionais e lexislativas
Para mudar a imaxe represiva do réxime creouse o Tribunal de Orde Pública, aínda que non significou unha diminución da persecución aos opositores.
Entrou en funcionamento a Lei de Bases da Seguridade Social, dos seguros de enfermidade, vellez e viuvez, iniciándose o Estado do benestar.
Manuel Fraga Iribarne promoveu unha Lei de Prensa e Imprenta que suprimiu a censura previa.
Aprobouse a Lei Orgánica do Estado que pretendía coroar o edificio institucional do franquismo. De acordo co estipulado na Lei de Sucesión, Franco designou ao príncipe Xoán Carlos de Borbón, fillo de Xoán de Borbón, como o seu sucesor.
C. Tensións entre inmobilistas e aperturistas
En 1969 as diferenzas políticas no interior do goberno fixéronse públicas. O estalido do denominado escándalo Matesa, unha empresa de maquinaria téxtil conectada co contorno do Opus Dei, provocou unha crise gobernamental.
D. Crise e renovación da Igrexa
A Igrexa católica española debía distanciarse do réxime franquista e cesar no apoio incondicional que lle outorgara desde 1939.
7. A reorganización do antifranquismo
A. Os grupos de oposición política
Na década de 1960 produciuse a recomposición do antifranquismo:
- O Partido Comunista de España (PCE), dirixido por Dolores Ibárruri e Santiago Carrillo.
- O Partido Socialista Obrero Español (PSOE).
- Perfilouse unha oposición moderada ao franquismo composta en parte por disidentes do propio réxime.
B. A reactivación dos nacionalismos
En Cataluña xurdiron novas organizacións nacionalistas (Convergència Democràtica de Catalunya, CDC, organización nacionalista moderada dirixida por Jordi Pujol). No País Vasco o feito de maior repercusión foi a aparición de ETA, Euskadi Ta Askatasuna (Euskadi e Liberdade).
C. O novo movemento obreiro
A protesta de traballadores foi a principal manifestación de oposición ao réxime. Os conflitos laborais multiplicáronse. A nivel organizativo destaca a creación en 1964 de Comisións Obreiras (CCOO).
D. Protestas estudantís e cidadás
A incorporación á Universidade de mozos nados despois da Guerra Civil fixo da protesta estudantil unha fronte de conflitividade case permanente, que levou á creación de sindicatos democráticos de estudantes.
8. A agonía da ditadura
Desde comezos da década de 1970 ata a morte de Franco, o franquismo estivo condicionado polo aumento da conflitividade social.
A. Os últimos gobernos franquistas
En xuño de 1973, o almirante Carrero Blanco foi nomeado presidente do goberno, converténdose na persoa clave para asegurar a continuidade do franquismo despois da morte de Franco. Pero foi asasinado por ETA nun atentado perpetrado en Madrid. En xaneiro de 1974 formouse un novo goberno presidido por Carlos Arias Navarro.
B. O incremento da mobilización popular
A partir de 1973 tivo lugar un espectacular crecemento da conflitividade social e os grupos de oposición tenderon a unha acción conxunta prevendo a próxima desaparición do ditador.
C. O conflito do Sáhara
O proceso de descolonización africano sorprendera a España sen ter ningunha previsión. Tras un breve conflito armado en 1957, España cedeulle o territorio de Ifni a Marrocos en 1969. Marrocos esixiu a entrega deste territorio rico en fosfatos e pesca e o rei Hassan II organizou a Marcha Verde.
D. A morte de Franco: o fin da ditadura
Nun contexto de condena internacional da represión franquista, de agudización das tensións no propio réxime e de crise provocada polo Sáhara, o 20 de novembro de 1975 finou o xeneral Franco. Deixaba atrás de si un réxime anacrónico e en evidente crise.