L'empirisme : Locke et Hume, causalité et propriété
O EMPIRISMO
Como exercicios propóñense 3 textos para analizar e facer un comentario guiado por preguntas:
“De xeito que se alguén examina a súa propia noción de substancia pura en xeral, encontrará que non…. ao que chamamos substancia”. (J. Locke: Ensaio sobre o entendemento humano)
Como se orixinan as ideas simples e que representan?
Como se forman as ideas complexas?
Que representa a idea de substancia?
Que conclusión deriva Locke do anterior?
“Pero cando unha determinada clase de acontecementos estivo sempre, en todos os casos, unida a outra, non temos xa escrúpulos en predicir unha coa aparición da outra e en utilizar…. o sentimento ou impresión a partir do que formamos a idea de poder causal e de conexión necesaria. Non hai máis nesta cuestión.”
(D. Hume: Investigación sobre o coñecemento humano)
Cal é o principio en base ao cal as ciencias empíricas poden predicir fenómenos futuros?
Cales son as impresións a partir das cales formamos a idea de causa?
Que fai a repetición de experiencias?
Cal será pois o valor das ciencias empíricas para Hume?
3. “O estado natural está rexido por unha lei natural, e esta obriga a todos. Esta lei, que equivale á razón, instrúe aos seres humanos que queren consultala é que, sendo iguais e independentes…. resultado desa adición, polo menos cando exista a cousa en cantidade suficiente para que os demais a usen”. (J. Locke: Ensaio sobre o goberno civil)
Cal sería, segundo Locke, a situación dos seres humanos no “estado natural”?
Como xustifica Locke o dereito natural á propiedade privada?
Que límite sinala Locke á propiedade privada?
Cal será pois a función do Estado resultante do contrato social, segundo Locke?
SOLUCIÓNS
a) A ideas simples, segundo Locke, orixínanse na nosa mente por sensación ou por reflexión. As ideas simples de sensación proceden da experiencia externa e representan calidades ou accidentes das cousas; e as de reflexión proceden da experiencia interna e representan afeccións anímicas.
b) As ideas complexas son elaboradas pola nosa mente como resultado da combinación de ideas simples. Poden ser de substancias, de relacións ou de modos.
c) A idea de substancia non é máis que a suposición de algo estable e permanente que serve de soporte a un conxunto de calidades que percibo sempre unidas e ás que me refiro cun nome; pero ese soporte non o coñezo en absoluto, pois non teño ningunha sensación da substancia mesma, só das calidades ou accidentes. Simplemente necesito supoñer que existe algo (descoñecido) que subxace por debaixo das mesmas e que produce en min esas sensacións.
d) A conclusión de Locke é que podemos afirmar a existencia de substancias, por un razoamento de inferencia causal, pois delas temos certeza sensitiva, como causantes das nosas sensacións; pero non sabemos nada máis acerca das mesmas; résultannos descoñecidas. Así Locke, sen negar a existencia das esencias ou substancias, obxecto da metafísica tradicional, acaba por situalas máis alá do que podemos coñecer, no límite do descoñecido.
a) As ciencias empíricas permiten predicir fenómenos futuros, que aínda non tiveron lugar, en base á relación de causa e efecto existente entre dous ou máis fenómenos. E así, dada unha causa esperamos que se produza o seu efecto.
b) A idea de relación causal entre dous fenómenos ten como única base o hábito psicolóxico adquirido de asociar dous ou máis fenómenos, porque repetidas veces no pasado temos observado que se producían xuntos. As únicas impresións recibidas son de conexión temporal contingente (non necesaria) de dous ou máis fenómenos; pero a repetición desas experiencias contingentes no pasado dá lugar a un hábito psicolóxico asociativo que nos fai esperar que se repitan no futuro.
c) O valor das ciencias empíricas, baseadas na experiencia e observación dos fenómenos, que é sempre contingente, non pode ser máis que de probabilidade; probabilidade fundada na repetición das experiencias observadas no pasado, que permiten esperar con certo grao de confianza (probabilidade) que sigan repetíndose no futuro.
a) No “estado de natureza” os seres humanos serían libres e iguais; pero por ser racionais, pensa Locke, estarían xa sometidos a unha lei moral natural e terían xa uns dereitos naturais fundamentais (á vida, saúde, liberdade e propiedade privada…); aínda que, ao non existir medios coactivos que forzasen e garantisen o seu respecto por parte de todos, o goce de tales dereitos dependería da capacidade defensiva de cada un.
O fundamento do dereito natural á propiedade privada nace, segundo Locke, do propio traballo e esforzo. Pois, aínda que a terra e todo canto hai nela é común a todos os homes, cada un ten dereito aos produtos do seu propio traballo, e polo tanto, tamén terá dereito á propiedade en exclusiva daqueles bens aos que engadiu valor co esforzo do seu propio traballo. É pois o esforzo que se realiza ao exercer o traballo sobre unha propiedade o que xustifica a súa apropiación en exclusiva.
Locke sinala tamén un límite á propiedade privada, consistente en que haxa bastante para todos os demais que queren traballar: “cando exista a cousa en cantidade suficiente para que os demais a usen”. Polo que non xustificaría unha apropiación privada indiscriminada que deixase a moitos outros sen medios sobre os que exercer a súa capacidade de traballo, como auténticos desposuídos.
O Estado resultante do contrato social concibido por Locke é o Estado liberal. A función deste Estado sería, en principio, só a de protexer e garantir o goce dos dereitos naturais a todos os cidadáns, e a de exercer de árbitro nos seus conflitos, mediante as leis e o uso en exclusiva da forza coactiva se fora necesario. Os cidadáns só renunciarían a un dereito natural, ao de usar a súa forza e propios medios para resarcirse cando se viran prexudicados por outros nos seus dereitos; tal dereito delegarían no Estado, que exercerá así o monopolio do uso da violencia en representación e para protección de todos os cidadáns.