A Europa de Bismarck e as orixes da Gran Guerra
Classé dans Électronique
Écrit le en
français avec une taille de 5,15 KB
O Congreso de Berlín (1878)
O protagonismo alcanzado por Rusia nos Balcáns provocou a oposición de Austria-Hungría e do Reino Unido. Bismarck convocou ás grandes potencias no Congreso de Berlín (1878), cuxas resolucións modificaron o acordado anteriormente en San Stéfano. Desaparece a Gran Bulgaria, recoñécese a independencia de Serbia, Rumanía e Montenegro, e Bosnia-Herzegovina queda baixo a administración de Austria-Hungría.
A Europa de Bismarck
Bismarck, chanceler do Segundo Reich alemán, converteuse (entre 1872-1888) no árbitro da política internacional. O seu obxectivo era preservar a orde vixente en Europa, que consagraba a hexemonía alemá, aillando a Francia, a súa potencial inimiga.
Os sistemas bismarckianos
Bismarck elaborou unha complexa trama de alianzas, públicas e secretas, coñecidas como os Sistemas Bismarckianos:
Primeiro sistema bismarckiano (1872)
Guillerme I de Alemaña, Francisco Xosé I de Austria-Hungría e Alexandre II de Rusia crean a Liga dos Tres Emperadores. Comprométense a axudarse no caso de que lles ataque outra potencia. Francia queda sen apoios ante un eventual enfrontamento con Alemaña. O final do primeiro sistema produciuse cando Rusia abandonou a Liga, descontenta polo apoio alemán ao Imperio austrohúngaro no Congreso de Berlín.
Segundo sistema bismarckiano (1879)
A fin de manter illada a Francia, Bismarck chega a un acordo bilateral secreto con Austria-Hungría. Convence ao emperador Francisco Xosé I para que retome a amizade co novo tsar, Alexandre III e renova a Alianza dos Tres Emperadores (1881). En 1882, o chanceler alemán logra completar o sistema coa chamada Tripla Alianza, entre Alemaña, Italia e Austria-Hungría, aos que máis tarde se unirá o Reino Unido.
Terceiro sistema bismarckiano (1887)
Mantense a Tripla Alianza. Italia, Reino Unido, Austria e España asinan en 1887 os Acordos do Mediterráneo co obxectivo de frear a expansión francesa no norte de África. A Alianza dos Tres Emperadores non se renova, pero Bismarck asina o Tratado de Reaseguro (1887) con Rusia:
- Rusia: será neutral en caso de ataque francés a Alemaña.
- Alemaña: será neutral en caso de guerra entre Austria e Rusia.
A liquidación da política de Bismarck
A subida ao trono do emperador Guillerme II propicia o inicio da Weltpolitik ou política mundial. Supuxo que Bismarck fose substituído en 1890 polo conde Von Caprivi e que se iniciase a denominada Paz Armada (1890-1914).
A Weltpolitik supuxo un cambio radical nas relacións internacionais:
- Alemaña non renovou o Tratado de Reaseguro con Rusia, por entender que podía alterar as súas relacións con Austria-Hungría. A súa presenza no Imperio Otomano e en China provocou roces co Reino Unido.
- Francia aproveitou o enfriamento das relacións ruso-xermanas para asinar con Rusia unha alianza de carácter militar e secreta, ao tempo que lle perdoaba as débedas. En caso dun conflito, Alemaña encontraríase con inimigos nas fronteiras occidental e oriental.
- O interese de británicos e franceses por crear extensos imperios coloniais en África desembocou nunha crise coñecida como o Incidente de Fachoda. Esa localidade do sur de Sudán fora ocupada por Francia en 1898 e o Reino Unido pretendía a súa conquista. A retirada francesa evitou o choque e iniciou un achegamento que culminaría coa sinatura en Londres da Entente Cordial: Francia aceptou o protectorado británico en Exipto e o Reino Unido, os dereitos franceses en Marrocos.
- En 1907 Rusia uníuse a Francia e ao Reino Unido na Tripla Entente que se oponía á Tripla Alianza (Alemaña, Austria-Hungría e Italia).
As crises políticas
A Tripla Alianza e a Tripla Entente dividiron Europa en dous bloques antagónicos: calquera incidente podía implicar aos dous bandos e desencadear unha guerra a gran escala. Entre 1905 e 1914 vivíronse unha serie de crises que desembocaron na Primeira Guerra Mundial.
A crise marroquí (1905)
En 1905 o káiser Guillerme II desembarcou en Tánxer para mostrar o seu apoio á independencia de Marrocos, ameazada pola expansión colonial francesa. Ante o conflito provocado pola influencia francesa en Marrocos, convocouse a Conferencia de Alxeciras (1906). Francia recibiu o apoio de Reino Unido e Italia, que se apartou da Tripla Alianza. Alemaña, sen apoios internacionais, aceptou un Marrocos independente pero con varios portos abertos ao comercio exterior e vixiados pola policía francesa e española.
A crise de Bosnia-Herzegovina (1908-1909)
En 1908, Austria-Hungría decidiu anexionarse Bosnia-Herzegovina. Aproveitou para iso unha nova revolta dos Xoves Turcos no Imperio Otomano. Serbia sentíuse ameazada e pediu axuda a Rusia, alegando a súa común orixe eslava, e a Francia. Rusia, que fora derrotada por Xapón e acababa de vivir a Revolución de 1905, negoullela. Francia, ao comprobar o respaldo alemán á causa austríaca, tampouco interviú. A anexión de Bosnia-Herzegovina foi un feito e Bulgaria, que apoiara ao Imperio Austrohúngaro, independizouse.