Historia de Galicia e España: Reconquista, Borbóns e Ilustración

Classé dans D'autres langues étrangères

Écrit le en français avec une taille de 22,99 KB

A Reconquista e a formación dos reinos cristiáns

O tradicional termo Reconquista alude á expansión dos reinos cristiáns peninsulares sobre Al-Ándalus, aínda que hoxe en día é discutido xa que os reinos cristiáns non eran herdeiros directos dos visigodos, polo que non se trataría dunha recuperación do territorio. Tan prolongado proceso divídese en varias etapas:

1ª etapa: nacemento e consolidación dos reinos cristiáns (séculos VIII-X)

Desenvolveuse entre os séculos VIII e X a partir de diversos núcleos de resistencia cristiáns que rexeitaron o avance musulmán. O primeiro xurdiu na cordilleira cantábrica, onde tivo lugar a Batalla de Covadonga (718 ou 722), na que un grupo de montañeses dirixidos por Pelaio derrotou aos musulmáns. Creouse o Reino de Asturias que, na segunda metade do século IX, ocupou os territorios de Galicia e o val do Douro, máis por colonización de terras que por conquista. A principios do século X pasou a denominarse Reino de León ao fixar a capitalidade nesa cidade.

Na fronteira leste creouse o Condado de Castela, dependente de León ata o século X. Na zona oriental da Península, ao sur dos Pireneos, o Imperio Carolinxio creou a Marca Hispánica, constituída por numerosos condados. Pero no século IX, o Reino de Pamplona e o condado de Aragón independizáronse, mentres que os Condados Cataláns, entre os que destacaba Barcelona, mantiveron os lazos cos francos ata fins do século X.

2ª etapa: consolidación dos reinos cristiáns (séculos XI-XII)

Aragón e os condados cataláns quedaron baixo a mesma Coroa (Aragón), igual que Castela e León, mentres Portugal se constituíu como reino. As coroas de León, Castela e Portugal levaron a liña de fronteira da cunca do Douro á cunca do Texo, aproveitando a debilidade dos reinos de taifas. O fito máis importante foi a conquista de Toledo en 1085.

Coa chegada dos almorávides, chamados polos reinos de taifas no seu auxilio, freouse o avance cristián ata mediados do s. XII, pero as segundas taifas permitiron a Portugal conquistar Lisboa e a Castela a ocupación do val do río Guadiana. A chegada dos almohades volveu frear o avance cristián ata o século XIII. Na fronteira oriental os avances foron máis lentos e, no século XII, a Coroa de Aragón e os Condados Cataláns dominaron o val do Ebro.

3ª etapa: hexemonía dos reinos cristiáns (séculos XIII-XV)

Desde comezos do s. XIII, coa derrota dos almohades na batalla das Navas de Tolosa (1212), abriuse unha nova etapa de expansión de Castela, ata o val do Guadalquivir e a actual Murcia, pechando a posible expansión aragonesa cara ao sur. Portugal conquistou o Algarve e a Coroa de Aragón ocupou as illas Baleares e o reino de Valencia (1238), pasando a estar integrada por catro reinos: Aragón, Cataluña, Valencia e Baleares, e orientando a súa expansión polo Mediterráneo. Durante os séculos XIV e XV só quedou por ocupar o reino nazarí de Granada, o derradeiro enclave islámico na península ata 1492.

Procesos de repoboación

Nas terras conquistadas aos musulmáns producíase un lento proceso de repoboación promovida polos reis a cambio de concesións, seguindo, nas distintas etapas, diferentes fórmulas que influirían na complexa estrutura da propiedade de España:

  • Ata o século XI: dominou a repoboación libre promovida pola nobreza e o clero e realizada por familias de campesiños libres. Denominouse presura nas terras despoboadas do val do Miño e Douro e aprisio no somontano pirenaico.
  • Entre os séculos XI e XIII: os reis utilizaron diversos mecanismos. Os foros e cartas de poboamento para a creación de vilas e cidades ao sur do Douro, ás que concedían liberdades e privilexios. Nos vales do Texo e do Guadiana, ante os ataques de almorávides e almohades, concedéronse doazóns de terras ou encomendas ás ordes militares encargadas da defensa do territorio. Outro sistema foron as capitulacións ou acordos entre os reis cristiáns e a poboación que habitaba a zona conquistada.
  • A partir do século XIII: en Valencia, Murcia, Extremadura e o val do Guadalquivir utilizáronse os repartimentos, grandes lotes de terras entregados á nobreza como pagamento polo seu apoio militar, orixe dos grandes latifundios no sur da Península.

O resultado final deste fenómeno repoboador foi unha estrutura da propiedade que se percibe na actualidade, co río Texo como liña divisoria entre unha España eminentemente latifundista ao sur e unha España con predominio da pequena e mediana propiedade ao norte.

Os pobos prerromanos da Península Ibérica

Durante o primeiro milenio a.C. ata a chegada dos romanos no 218 a.C. tivo lugar na Península Ibérica a denominada Idade do Ferro, que coincide co desenvolvemento dun conxunto de culturas coñecidas como pobos prerromanos. Por pobos prerromanos entendemos todos aqueles pobos orixinarios das distintas zonas da península que habitaban o territorio antes da conquista do Imperio Romano. Estes tiveron contacto con outros pobos procedentes tanto do Mediterráneo (colonizadores fenicios, gregos e cartaxineses) como de Centroeuropa, dos cales recibiron importantes influencias.

Tartessos (zona sur)

Na zona sur desenvolveuse Tartessos, unha cultura cun elevado desenvolvemento urbano, localizada no tramo final do río Guadalquivir. Os importantes tesouros atopados relacionados con esta cultura (Carambolo) amosan un significativo desenvolvemento económico relacionado co comercio cos fenicios (minerais de ouro, prata, cobre e estaño), un importante desenvolvemento agrícola e unha forte diferenciación social coa aparición dunha aristocracia. Perdese o seu rastro en torno ao século VI a.C., probablemente polo esgotamento dos metais que explotaban e o fin dese comercio cos fenicios.

Iberos (costa mediterránea e meridional)

Na costa mediterránea e meridional existían os iberos, pobos con lingua común, en contacto cos colonizadores fenicios, gregos e cartaxineses. A súa economía baseábase na agricultura, complementada pola minería, a actividade téxtil e un intenso comercio con uso da moeda. Posuían unha estrutura social complexa, moi xerarquizada en función do poder político e militar (aristocracia guerreira) e unha organización política á imitación das cidades-estado fenicias e gregas, en base a núcleos fortificados emprazados en lugares altos. Coñeceron e utilizaron a escritura e a súa arte foi moi evolucionada, sobre todo na escultura, onde destacan a Dama de Elche, a Dama de Baza ou a Bicha de Balazote.

Pobos celtas (norte, centro e occidente)

No norte, centro e occidente peninsular, os pobos autóctonos recibiron un continxente de poboación indoeuropea procedente de Centroeuropa, coñecida popularmente como celtas, que achegou numerosos avances técnicos como o uso da metalurxia do ferro, do estaño e dos metais preciosos. As referencias romanas preséntanos como pobos primitivos e belicosos cuxa sociedade se organizaba en tribos. Non coñecían a escritura e na súa fala existían elementos indoeuropeos. A principal actividade de todos estes pobos foi a gandaría, aínda que tamén había poboados de agricultores.

Cultura castrexa (cuadrante noroeste)

No cuadrante noroeste da Península desenvolveuse neste período a cultura castrexa, cuxo elemento máis destacado é o castro, con influencias culturais atlánticas, mediterráneas e centroeuropeas célticas. Estes pobos eran agrícolas e gandeiros e desenvolveron a metalurxia e a ourivería. Non formaron unha unidade política, senón que varios castros dun territorio, con lazos tribais e familiares, formaban grupos máis ou menos homoxéneos e independentes. Tras a conquista romana, os trazos básicos da cultura castrexa perviviron e evolucionaron dando lugar á cultura galaico-romana.

Celtiberos (interior peninsular)

No interior peninsular, entre os vales do Douro e do Ebro, mestúranse trazos da cultura indoeuropea con elementos iberos, conformando o conxunto dos tradicionalmente chamados celtiberos, dedicados á agricultura e á gandaría e cunha avanzada metalurxia do ferro para a fundición de armas. Asentados en núcleos de poboación fortificados e gobernados por unha aristocracia guerreira, foron guerreiros moi valorados polos romanos e cartaxineses.

Os Austrias: Carlos I e Felipe II

Carlos I (1516-1556)

Carlos I, primeiro rei da dinastía dos Austrias como resultado da política matrimonial dos seus avós maternos, os Reis Católicos, concentrou unha importante herdanza. Fillo de Filipe o Fermoso, herdeiro de Maximiliano I de Austria, e de Xoana a Tola, herdeira dos Reis Católicos, recibiu de seu pai Austria, a opción de ser emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, os Países Baixos, Luxemburgo e o Franco Condado; e da súa nai a Coroa de Aragón (con Sardeña, Sicilia e Nápoles), a de Castela e os territorios descubertos en América, o que o converteu no monarca máis poderoso do seu tempo.

Este legado era un conxunto heteroxéneo de territorios que só tiñan en común ao seu monarca, dispersos por Europa e fóra dela. O mantemento dunha monarquía católica universal fronte á difusión do protestantismo e á ameaza de Francia e dos turcos foi o elemento co que intentou integralos. A defensa deste ideal, xunto coa necesidade de manter o imperio herdado e a defensa dos intereses dinásticos dos Austrias, levouno a verse involucrado en constantes e custosas guerras.

En 1555 Carlos viuse obrigado a recoñecer, na Paz de Augsburgo, o dereito de cada príncipe alemán a impoñer a súa propia relixión nos seus territorios, o que supoñía o triunfo do protestantismo en case a metade do Imperio e o fracaso definitivo da idea de unidade relixiosa no continente. Este fracaso, e o esgotamento tras unha vida enteira nos campos de batalla, levou á abdicación de Carlos I (1556), cedendo ao seu fillo Felipe II os seus reinos da Península Ibérica (xunto coas posesións en América, os Países Baixos e os territorios italianos), agás o Sacro Imperio, que foi para Fernando, irmán de Carlos.

Felipe II (1556-1598)

Felipe II personalizou un modelo de autoritarismo monárquico máis perfeccionado. Gobernou desde Castela, valéndose dun poderoso exército permanente e dunha complexa administración que dirixiu persoalmente. A súa política exterior aliñouse coa de seu pai: a defensa do catolicismo e o mantemento da hexemonía dinástica no imperio máis grande da Terra. Sobre todo, a partir da unión con Portugal en 1580, que incluía as colonias portuguesas en Asia, África e América (Brasil), despois de reclamar os seus dereitos dinásticos como neto do rei portugués Manuel I.

O mantemento deste extenso imperio non estivo exento de conflitos: continuou a loita con Francia, á que derrotou e deixou neutralizada definitivamente na batalla de San Quintín (1557), e contra o Imperio Turco, que volvía a avanzar con forza polo Mediterráneo e foi derrotado na batalla naval de Lepanto (1571).

Diversas causas políticas, económicas e relixiosas provocaron a rebelión dos Países Baixos desde 1566. Felipe II respondeu enviando ao Duque de Alba, que exerceu unha severa represión, propiciando un levantamento xeral que rematou co sometemento do Flandres católico, mentres as Provincias Unidas de Holanda continuaban a rebelión ata chegar a unha independencia de facto.

Despois de ser rei consorte inglés polo seu matrimonio coa raíña María I Tudor, Felipe II iniciou un enfrontamento con Inglaterra coa chegada ao trono de Isabel I (1558), que apoiaba aos rebeldes protestantes dos Países Baixos e desafiaba o monopolio comercial español sobre América, fomentando as actividades dos corsarios ingleses contra os barcos españois. Felipe II intentou a invasión de Inglaterra en 1588 enviando a Gran Armada ou Armada Invencible, que sufriu unha humillante derrota debido á mala planificación e ás adversidades meteorolóxicas.

A Guerra de Sucesión e o Tratado de Utrecht

A morte sen descendencia en 1700 do último rei da Casa de Austria nos reinos hispánicos, Carlos II, provocou un importante problema político, pois antes de morrer cedera por testamento os seus dereitos dinásticos a Filipe de Anjou, membro da Casa de Borbón e neto de Luís XIV de Francia. Pese a iso, o arquiduque Carlos de Habsburgo tamén reclamou o seu dereito ao trono, razón pola cal saltaron todas as alarmas a nivel internacional. A maioría dos reinos europeos temían que as monarquías francesa e hispánica contasen con membros da mesma familia, pois iso significaba unha fractura do equilibrio internacional.

Por iso, en setembro de 1701 formouse na Haia a Gran Alianza, composta, nun primeiro momento, por Inglaterra, o Sacro Imperio Romano Xermánico e as Provincias Unidas. Posteriormente uníronse Saboia, Prusia e Portugal. A guerra comezou en 1701 e tivo como escenarios a Península Ibérica, América, Flandres e o norte de Italia.

Na Península Ibérica, a guerra derivou nunha confrontación civil que enfrontou a distintos territorios e grupos sociais, partidarios dun ou doutro candidato ao trono e segundo as diferentes concepcións do Estado: a centralista e a foralista. Castela foi partidaria de Felipe V, coa esperanza de que o apoio de Francia permitise defender mellor o imperio. A Coroa de Aragón, en cambio, posicionouse a favor do arquiduque Carlos, por temor ás tendencias absolutistas e centralizadoras do novo rei e pola animadversión contra os franceses tras a súa actuación durante a sublevación de 1640.

A diferencia do que ocorreu en Europa, en España a guerra decantouse desde un primeiro momento polo bando borbónico. En 1707 tivo lugar a Batalla de Almansa, na que as tropas de Felipe V derrotaron aos austracistas e ocuparon os reinos de Valencia e Aragón. A partir de entón só resistiu Cataluña ata que as tropas borbónicas tomaron Barcelona (1714) e Mallorca (1715). A partir de 1711, o acceso de Carlos ao trono austriaco (co perigo de que unise a ese trono o español) e a renuncia de Felipe V ao trono francés facilitaron o fin do conflito.

Tratados de Utrecht (1713) e Rastadt (1714)

Nos tratados de Utrecht e Rastadt púxose fin ao conflito internacional e estableceuse un novo sistema de relacións internacionais baseado no equilibrio entre as grandes potencias. O Reino Unido obtivo Xibraltar e Menorca, así como dereitos sobre o comercio coa América hispánica e a exclusiva do comercio de escravos nestes territorios (asento de negros), confirmándose como a principal potencia naval. España perdeu as súas últimas posesións europeas: Sicilia foi cedida a Saboia, e o Milanesado, Cerdeña, Flandres e Nápoles pasaron a Austria. Ademais, Filipe V era recoñecido como rei de España, inaugurando unha nova dinastía que trouxo un drástico cambio na configuración política e administrativa do territorio.

O reformismo borbónico

O reformismo borbónico é entendido como o conxunto de cambios e reformas introducidas polos Borbóns no século XVIII (especialmente por Felipe V) de carácter político e administrativo, inspiradas no modelo francés, co obxectivo de establecer un maior grao de centralización do poder político e conseguir a unificación lexislativa e institucional dos diferentes reinos peninsulares. No caso galego, intervieron creando novas institucións e servizos vinculados á importancia estratéxica de Galicia como baluarte marítimo na defensa do imperio colonial americano fronte ao paso das armadas inimigas.

Reforma da mariña

Felipe V dirixiu a súa acción cara á reforma da mariña. Unificou as distintas escuadras nunha única armada real e estableceu a recruta obrigatoria de mariñeiros por medio da matrícula de mar (1737), un sistema de inscrición que tivo un grande impacto nos núcleos pesqueiros do país, causando malestar polo seu carácter forzoso. Ademais, dividiuse a costa española en tres Departamentos Marítimos (Cádiz, Ferrol e Cartaxena), e en cada un estableceuse un arsenal, instalacións combinadas de estaleiros, almacéns de armas e buques de guerra. Ferrol foi escollida como capital do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas Reais en 1726.

Estas políticas continuaron no reinado de Fernando VI, que prestou atención prioritaria ao desenvolvemento e modernización da armada. A partir de 1746, co seu ministro, o Marqués da Ensenada, iniciouse a construción dos estaleiros e do arsenal que converteron a Ferrol na principal cidade de Galicia. O impacto desta elección fixo que Galicia, cunha economía esencialmente agraria, contase co seu primeiro núcleo industrial grazas ao desenvolvemento da construción naval.

Despotismo ilustrado e comercio atlántico

Na segunda metade do século XVIII, os gobernos de Carlos III intentaron desenvolver políticas reformistas inspiradas nos principios ilustrados, sen renunciar ao absolutismo político (Despotismo ilustrado). Entre as medidas reformistas, que buscaban o desenvolvemento económico, destaca a liberalización do comercio con América, que suprimiu o monopolio deste comercio detentado por Cádiz. En 1765 permitiuse comerciar directamente con América a varios portos españois, entre eles o da Coruña. Ademais, no ano anterior (1764), o goberno de Carlos III establecera na Coruña o Servizo de Correos Marítimos, unha compañía estatal de buques encargada de levar a correspondencia oficial e privada, así como persoas e mercadorías, cara a América. Ambas concesións contribuíron a favorecer o crecemento comercial da Coruña e a renovación urbanística e portuaria da cidade.

Todas estas concesións, xunto coa existencia de importantes materias primas (como o liño e a sardiña), permitiron, ao longo do século XVIII, o incremento das actividades mercantís en Galicia, principalmente nos seus portos e, en especial, na Coruña. Así mesmo, atraídos por esas vantaxes, produciuse o asentamento de numerosos comerciantes foráneos, principalmente vascos, asturianos, maragatos e cataláns, que se converteron nos principais dinamizadores do sector. Como exemplos, podemos citar aos fomentadores cataláns, que dinamizaron o sector pesqueiro introducindo novas técnicas de pesca e conservación, así como o traballo asalariado e a comercialización a grande escala; ou o proxecto de Antonio Raimundo Ibáñez, que puxo en marcha as Reais Fábricas de Sargadelos, un complexo siderometalúrxico para abastecer ao exército, así como unha industria cerámica.

A Ilustración en España

A Ilustración é un fenómeno ideolóxico-cultural xurdido en Europa no século XVIII e baseado na confianza cega na razón, cuxas bases operativas son a observación, a experiencia e a demostración. Os ilustrados levaron a cabo un ataque contra a orde preestablecida, rexeitaron o pensamento dogmático, a tiranía dos prexuízos, o irracional e a superstición. Como contraposición, deseñaron un universo no que o centro indiscutible era o home, nun ambiente de optimismo no progreso, co consecuente logro da felicidade e o perfeccionamento humano. A ciencia, a técnica, o desenvolvemento dunha agricultura capitalista e moderna, a reforma fiscal, os novos códigos xurídicos, a secularización e o impulso á educación serían os vehículos para logralo.

En España a Ilustración chegou con dificultades, debido, sobre todo, ao control das autoridades (Inquisición) para evitar que as ideas ilustradas penetrasen no país e ameazasen a orde establecida. Algunhas cidades portuarias (Barcelona, Bilbao, Valencia e Cádiz) foron as primeiras en acoller as formulacións do enciclopedismo. A súa prosperidade económica e a actividade comercial foron esenciais para a chegada das obras ilustradas, recibidas en primeiro lugar polos membros críticos da Igrexa, os profesionais liberais e os militares. A ignorancia, o atraso económico, a debilidade da agricultura ou os privilexios estamentais foron asuntos de reflexión da Ilustración española.

Medios de difusión

  • Sociedades Económicas de Amigos del País (primeira en 1765, no País Vasco): nelas discutíanse as ideas dos ilustrados, asistíase a representacións teatrais ou musicais, analizábanse as reformas políticas ou promovíanse iniciativas para mellorar o desenvolvemento económico e educativo. A súa implantación xeneralizada chegou a formar case 100 por todo o territorio nacional.
  • A prensa: foi clave como medio de divulgación. Destacan xornais como El Pensador e A Gaceta. Ilustración e prensa non poden entenderse por separado.

O Despotismo Ilustrado de Carlos III (1759-1788)

A aplicación política destas ideas chegou co reinado de Carlos III mediante o Despotismo Ilustrado, forma de goberno que, mantendo os fundamentos do Antigo Réxime (absolutismo político e sociedade estamental), aplicaba reformas baseadas nas ideas ilustradas para promover o benestar dos súbditos. Apoiado por persoeiros ilustrados como Jovellanos, Pablo de Olavide, Campomanes, o conde de Aranda ou o conde de Floridablanca, Carlos III levou a cabo reformas:

  • Na educación: fundación de academias e implantación da ensinanza primaria obrigatoria.
  • Na economía: limitación dos privilexios da Mesta e liberalización do comercio colonial, influído polas ideas do liberalismo económico.
  • Na poboación e na industria: impulso á colonización de novas terras en Serra Morena (políticas poboacionistas de Olavide), apoio á actividade industrial e declaración de honestas todas as profesións en 1783.

Porén, a oposición dos grupos privilexiados e da Inquisición limitou en gran medida o desenvolvemento destes proxectos e os seus efectos. Finalmente, o temor á entrada das ideas da Revolución Francesa durante o reinado de Carlos IV (1788-1808) paralizou totalmente as reformas e afastou da Corte a algúns dos ministros ilustrados.

Entrées associées :