Normativización, Normalización e a Literatura Galega (1936-Actualidade)
Classé dans Enseignement
Écrit le en
français avec une taille de 27,44 KB
1. Normativización é o proceso polo que se elabora unha normativa (gramática, dicionario) para unha lingua. Normalización é o proceso que fai que o uso desa lingua sexa normal. Para normalizar o uso dunha lingua é necesario, previamente, normativizala.
2. Unha lingua minorizada é aquela que, nunha situación de conflito ou diglosia, cede prestixio a unha lingua allea e, polo tanto, para os falantes ten un uso limitado. Lingua minoritaria é aquela que, nunha comunidade na que comparte espazo con outra, ten menor número de falantes. O galego é lingua maioritaria en Galicia, pero está minorizada polo castelán.
3. De diglosia. Porque o bilingüismo afecta aos individuos, pero non ás sociedades: son os individuos os que poden ser bilingües, trilingües, multilingües, segundo dominen dous, tres ou moitos idiomas, pero un territorio non é bilingüe. Ademais, dúas linguas nun mesmo territorio tenderán sempre a especializar o seu uso, dando lugar a unha situación de desequilibrio e de desigualdade entre elas. Esta situación defínese como diglosia, concepto que define unha situación de conflito.
A literatura entre 1936 e 1975 – II: A Nova Narrativa Galega e a literatura do exilio
Introdución: A narrativa galega da inmediata posguerra, que estudamos no tema anterior, comezou a ser renovada nos anos 60 e 70 grazas ao labor de diversos autores novos, que poden agruparse ao redor da Nova Narrativa Galega (Gonzalo Rodríguez Mourullo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares, María Xosé Queizán...), da épica rural (Xosé Neira Vilas) ou da promoción dos premios de narrativa (Víctor Freixanes, Alfredo Conde, Xavier Alcalá...).
A Nova Narrativa Galega
Características:
- Os autores: teñen formación universitaria e están estreitamente ligados á ideoloxía nacionalista. Coñecen ben as tendencias da narrativa europea (Joyce, Kafka, o «Nouveau Roman» francés...) e americana (Faulkner, Dos Passos...).
- As obras: domina o narrador en primeira persoa, sendo frecuente o pluriperspectivismo. Aparece o protagonista desarraigado; no espazo, indeterminado e intanxible, domina o urbano sobre o rural. Prodúcese a ruptura entre tempo do discurso e tempo do relato. Nos temas domina a angustia e o illamento do home, e tamén a rebeldía e a loita pola liberdade individual e colectiva.
Autores e autoras
- Carlos Casares Mouriño (Xinzo de Limia, 1941 / Vigo, 2002). A súa primeira publicación importante é o libro de relatos Vento ferido (1967), no que se inclúen doce narracións breves contadas con diversas técnicas narrativas, desde o monólogo interior ata o relato clásico en terceira persoa. Outras obras: Cambio en tres (1969), primeira novela longa; Xoguetes para un tempo prohibido (1975); Os escuros soños de Clío (1979); Ilustrísima (1980); Os mortos daquel verán (1987); Deus sentado nun sillón azul (1996). Tamén publica un conto para nenos e teatro.
- Gonzalo R. Mourullo (Calo, Santiago, 1936). Nasce unha árbore (1954) é, por orde cronolóxica, o libro inaugural da Nova Narrativa. En 1956 publica Memorias de Tains.
- Camilo Gonsar (Sarria, Lugo, 1931 – Vigo, 2008). Logrou os seus maiores recoñecementos con Cara a Times Square (1980), unha obra que Víctor Freixanes invitaba a «volver a ler».
- Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938). A primeira obra en prosa foi Percival e outras historias (1958), conxunto de 14 relatos nos que retoma o tema de Bretaña e nos que xa aparecen as características máis destacadas da súa obra: a mestura dos mundos fantástico e real; a denominación exótica de espazos e personaxes; a atracción polo bosque, símbolo da liberdade; a fantasía e o misterio que liberan o home da represión do poder; ou a alegoría política na que Galicia e Castela aparecen como termos antagónicos. Outras obras: O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964), Retorno a Tagen Ata (1971), Elipsis e outras sombras (1974), Antón e os inocentes (1976), Crónica de nós (1980), Amor de Artur (1982), Arnoia, Arnoia (1987), Bretaña Esmeraldina (1987), Arraianos (1991) e No ventre do silencio (1999).
- Mª Xosé Queizán (Vigo, 1939). A novela A orella no buraco (1965) mostra tres situacións da vida do protagonista, que se desenvolven en París, nun porto galego e nunha pequena aldea. Outras: Amantia (1984), A semellanza (1988), Amor de tango (1992), O solpor da cupletista (1998) e Ten o seu punto a fresca rosa (2000), todas elas con marcado carácter feminista. Tamén é autora de narrativa infantil: O segredo da pedra figueira (1985).
- Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931). Entra neste grupo fundamentalmente pola súa novela Adiós María (1971), na que reflicte o pensamento dunha adolescente, Maxa, que vive en Vigo e é filla de emigrantes.
A poesía do exilio
Despois da Guerra Civil, e coa implantación da ditadura, América Latina converteuse no refuxio dos progresistas e tamén no lugar onde a cultura galega puido continuar a súa traxectoria e manterse viva neses anos de represión. Destacan autores como Emilio Pita, Lorenzo Varela, Luís Seoane ou Blanco Amor.
A prosa do exilio
Entre os autores de narrativa do exilio podemos citar a Ramón de Valenzuela Otero, con Non agardei por ninguén (1957) e Era tempo de apandar (1980); a Silvio Santiago, con Villardevós (1961) e O silencio redimido (1976); e, por suposto, a Eduardo Blanco Amor, que estudamos xa máis polo miúdo.
O teatro do exilio
- O teatro culto: Luís Seoane é autor de A soldadeira, e Blanco Amor, de Farsas para títeres (1973) e Teatro para a xente (1974).
- O teatro popular: destacamos a Manuel Varela Buxán (Lamas, A Estrada, 1909 – 1986). Entre as súas obras: Se o sei... non volvo á casa, O ferreiro de Santán, Taberna sin dono e A xustiza dun mariñeiro.
O teatro galego entre 1936 e 1976
O xénero teatral non foi unha excepción ao silencio editorial orixinado pola Guerra Civil. A posta en marcha da Editorial Galaxia, coa súa revista Grial e coa colección «Illa Nova», significará un pulo decisivo na recuperación do teatro galego. A publicación de Vieiro choído, de Xosé L. Franco Grande, e a estrea de O incerto señor Don Hamlet, de Cunqueiro, ambas en 1958-1959, marcan a consolidación deste proceso.
A Xeración dos 50
Ademais de Franco Grande, con Vieiro choído (1958), e de Arcadio López Casanova, con Orestes (1963), outros representantes da chamada «Xeración dos 50» dedicáronse ao teatro. Destaca Manuel María, cunha copiosa obra teatral (23 pezas publicadas e 19 inéditas). Xohana Torres contribuíu con A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968). Mª Xosé Queizán escribiu Antígona ou a forza do sangue, publicada en 1989. Daniel Cortezón e Bernardino Graña tamén son autores de importantes obras teatrais.
O Grupo de Ribadavia
A partir dos anos 60, diversas circunstancias propiciaron o renacemento das actividades dramáticas en Galicia, da man do chamado «Teatro Independente». En 1965 nace o primeiro grupo, o «Teatro O Facho», fundado na Coruña polo dramaturgo, director e actor Manuel Lourenzo. Foron aparecendo logo novos agrupamentos repartidos pola xeografía galega. En 1973, a «Agrupación Cultural Abrente» de Ribadavia, presidida por Ernesto Chao e vinculada aos círculos antifranquistas e nacionalistas de esquerda, convocou a «1ª Mostra» e o «1º Certame Abrente» de Teatro Galego. Con esta iniciativa Ribadavia transformarase, durante varios anos, no punto de encontro do teatro galego.
A literatura no primeiro terzo do século XX
Introdución: Nestes primeiros anos do século XX teñen lugar en Galicia acontecementos que supoñen un cambio importante. Os males do campo, que segue nunha situación de atraso e miseria, dan lugar a un movemento agrario que, ademais de ter carácter reivindicativo, atende á formación cultural e ideolóxica do campesiñado, concretándose en sociedades agrarias como Acción Gallega, fundada en 1910 por Basilio Álvarez. O pensamento galeguista que se iniciara no século anterior ten continuidade nas Irmandades da Fala. Unha gran influencia dentro delas foi a exercida polo Grupo Nós, un grupo de intelectuais formado por Castelao, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Cuevillas, que participaron na creación da revista Nós. En 1923 créase o Seminario de Estudos Galegos, coa finalidade de promover o estudo e a divulgación de aspectos da realidade do país: historia, xeografía, literatura, arqueoloxía, economía...
Poesía
A poesía das Irmandades
- Noriega Varela (Mondoñedo, 1869 – Viveiro, 1947). Segue unha liña continuadora dos poetas decimonónicos, dominada polo costumismo, no que predomina a natureza. Destacan Montañesas (1904) e Do ermo (1920).
- Ramón Cabanillas (Cambados, 1876 – 1959). Destacan dous grandes bloques temáticos. Na poesía lírica, inicialmente tivo a imaxe de poeta social; despois, poesía intimista de inspiración romántica, poesía costumista, de intención humorística ou crítica e poesía de estética modernista. Obras: Vento mareiro, Da terra asoballada, A rosa de cen follas, Da miña zanfona, Versos de alleas terras e tempos idos. Na poesía narrativa recupera a conciencia galeguista: como impulsor do mito artúrico trouxo os cabaleiros da Táboa Redonda a Galicia, recuperando o pasado celta que introduciu Pondal. Obras: O bendito S. Amaro, Na noite estremecida, Camiños no tempo, Samos.
A poesía de vangarda
Durante a primeira metade do século XX —entre 1910 e 1940— a cultura europea coñeceu unha rápida sucesión de movementos estéticos denominados ismos: cubismo, futurismo, dadaísmo, ultraísmo, creacionismo e surrealismo. Nas vangardas galegas destacan o neotrobadorismo, o hilozoísmo, o creacionismo e o surrealismo.
- Luís Amado Carballo é o creador dunha tendencia vangardista ligada á paisaxe, o hilozoísmo ou imaxinismo, pola importancia que teñen as imaxes. En vida só publicou Proel (1924); postumamente publicarase O galo (1928).
- Fermín Bouza Brey é o iniciador do neotrobadorismo. As súas composicións de amigo denotan unha madura asunción das técnicas trobadorescas. Destacan Nao senlleira (1933) e Seitura (1955).
- Manuel Antonio é o principal cultivador do creacionismo. En De catro a catro (1928) existe unha forte pegada deste movemento: o poeta non imita a natureza, crea unha distinta. Sempre e mais despois e Viladomar (1928) son os seus últimos libros, de carácter menos innovador.
- Álvaro Cunqueiro cultivou o neotrobadorismo e o surrealismo. Obras: Mar ao norde (1932), Poemas de si e non (1933). Cantiga nova que se chama riveira é o libro máis valorado desta época: sitúase dentro da chamada poesía neotrobadoresca, pola utilización dalgúns recursos das cantigas de amigo (estrutura, léxico), elimina elementos narrativos do poema e libera a lingua e a imaxinación mediante imaxes surrealistas de grande suxestión. Outras obras: Dona do corpo delgado (1950) e Herba aquí ou acolá (1980), recopilación de poesías espalladas por revistas e xornais, publicada por Miguel González Garcés.
Prosa
O Grupo Nós fórmase en Ourense ao redor da revista que dá nome ao grupo. A súa formación cultural situábase moi por riba da dos outros mozos intelectuais. Participan nas Irmandades da Fala e fundan en 1920 a revista Nós, que, pasando por diversos avatares, chega ata 1936. Na revista acóllense con rigor e brillantez a arqueoloxía, a historia, a etnografía e a creación literaria. A prosa e o ensaio acadan un nivel nunca antes conseguido.
Autores
- Vicente Risco (Ourense, 1884 – 1963). Destaca pola súa obra narrativa. Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) é un relato esotérico sobre o mundo de ultratumba; escribiu ademais as narracións breves O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, aproveitando o seu coñecemento etnográfico das lendas populares. Na súa obra capital, O porco de pé (1928), constrúe unha novela satírica e didáctica, valéndose da omnisciencia autorial.
- Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 – Trasalba, 1976). Destaca o relato breve e o conto: Pantelas, home libre (1924), O purgatorio de don Ramiro (1926), Escrito na néboa (1927), Contos do camiño e da rúa (1932). Na novela longa: Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930), A romaría de Xelmírez (1934), O mesón dos ermos (1936).
- Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950). Da súa obra narrativa destacamos: Un ollo de vidro (1922), breve novela fantástica; Cousas (1926 e 1929), xénero literario inventado por Castelao que combina o debuxo e o texto; Retrincos (1934), cinco relatos ordenados cronoloxicamente; e Os dous de sempre (1934), novela de corenta e catro capítulos contados por un narrador omnisciente en terceira persoa.
- Rafael Dieste (Rianxo, 1899 – Santiago, 1981). Como narrador en galego, é autor da colección de contos Dos arquivos do trasno (1926), na que aposta pola modernización da prosa de ficción e pola incorporación ás letras galegas das novas técnicas do relato breve. En castelán, publica Historias e invenciones de Félix Muriel (1943).
Teatro
O teatro das Irmandades
As Irmandades propóñense crear un teatro nacional, para lograr a dignificación e o prestixio da lingua a través do teatro. Destaca Antón Villar Ponte (1881 – 1936), con obras como A patria do galego, Almas mortas, Entre dous abismos, Os evanxeos da risa absoluta e Nouturnio de medo e morte.
As vangardas
Destacamos o teatro de Rafael Dieste, por coincidir no tempo coas vangardas e por ser a súa obra teatral innovadora. Débeselle unha das grandes pezas teatrais da literatura galega, A fiestra valdeira (1927), considerada obra mestra do xénero e chea de elementos vangardistas.
O Grupo Nós
- Vicente Risco escribe unha única peza dramática, O bufón de El-Rei (1928), ambientada na Idade Media.
- Ramón Otero Pedrayo cultivou o teatro, xénero no que foi un destacado innovador: A lagarada (1929), O desengano do prioiro (1952) e Noite compostelana (1973).
- Castelao colaborou en proxectos teatrais do Grupo Nós e deseñou decorados de obras como Divinas Palabras, de Valle-Inclán. Pero foi no exilio cando compuxo a súa única obra teatral: Os vellos non deben de namorarse, estreada en Bos Aires en 1941.
A literatura entre 1936 e 1976 I
Introdución: Os avances que Galicia experimentara no primeiro terzo do século XX (políticos, culturais, lingüísticos...) víronse traxicamente freados pola sublevación militar de xullo de 1936 e pola posterior derrota do Goberno da República. Ata os anos 60 a España franquista quedou illada do resto dos países occidentais, que lle impuxeron durante varios anos duras sancións económicas; desde os anos 60 aprécianse un progresivo crecemento económico. O uso da lingua galega comezou a retroceder entre as xeracións máis novas e nos ámbitos urbanos; como lingua literaria, este período comezou con varios anos de silencio. Os libros en galego só volven ver a luz a partir de 1946. O factor clave na recuperación da lingua escrita foi a creación da Editorial Galaxia en 1950, da man de persoeiros do galeguismo histórico que xa comezaran a súa actividade cultural antes da guerra: Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego.
A poesía
A Xeración de 1936
Os autores desta xeración naceron case todos entre 1910 e 1920 e formáronse baixo a influencia directa dos homes da Xeración Nós e das vangardas. A súa traxectoria vital viuse fortemente marcada pola guerra. Supoñen unha ponte entre a literatura de preguerra e as promocións máis novas, e seguen tendencias variadas: neotrobadorismo, paisaxismo, poesía cívica, intimismo...
- Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane, Lugo, 1909 – Santiago, 1961). Nas súas obras anteriores á guerra, Señardá e Corazón ao vento, dominan os sonetos de influencia modernista e as pezas paisaxistas á maneira de Amado Carballo. Con Cómaros verdes (1947) márcase o inicio da poesía galega de posguerra. Nas súas últimas obras, entre as que destaca De día a día (1960), aflora o ton de reflexión e confidencia persoal.
- Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979). A súa poesía está dominada por tres rexistros básicos: o cívico, o intimista e o satírico. Destacan O soño sulagado (1955), Longa noite de pedra (1962), Viaxe ao país dos ananos (1968) e Cantigas de escarnio e maldicir (1968).
- Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 – Vigo, 1985). Autor de Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), etc. O seu título máis coñecido é, posiblemente, o neotrobadoresco Cancioneiro de Monfero (1953).
A Promoción de Enlace
Autores con pouca coherencia de grupo, case todos nados entre 1920 e 1930. A súa formación produciuse nas adversas circunstancias dos primeiros anos de posguerra, por iso carecen da influencia da Xeración Nós ou das vangardas de preguerra. Foron nos seus comezos escritores bilingües e combinan a expresión do compromiso social coa da angustia existencial. Destacan Antón Tovar, Luz Pozo Garza e Manuel Cuña Novás.
A Xeración das Festas Minervais
Baixo esta denominación reúnense os poetas máis novos da posguerra. Naceron case todos entre 1930 e 1940, polo que, na práctica, non chegaron a vivir a guerra, e déronse a coñecer a través dos certames literarios celebrados en Santiago nos anos 50 (as Festas Minervais). Maniféstanse en dúas liñas poéticas sucesivas, e o paso dunha a outra vén marcado pola publicación de Longa noite de pedra (1962) de Celso Emilio Ferreiro:
- A Escola da Tebra: poesía intimista; o poeta preséntase en conflito co mundo. Temas: a morte, a soidade, a desesperanza...
- O socialrealismo: poesía de denuncia social. Temas: a opresión, a guerra, o sentimento de Galicia...
Forman parte deste grupo xeracional, entre outros, Manuel María, Bernardino Graña, Cuña Novás, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Alexandre Cribeiro, Xosé Luís Franco Grande, Uxío Novoneyra, Arcadio López Casanova, Salvador García Bodaño e Xohana Torres. Moitos destes autores seguen escribindo na actualidade; algúns son xa clásicos, como o desaparecido Uxío Novoneyra, e Manuel María acadou unha grande popularidade. Xosé Luís Méndez Ferrín figura como un dos impulsores das novas tendencias poéticas da actualidade.
A prosa: os renovadores
A partir de mediados dos anos 50 comezou unha lenta pero progresiva recuperación. Os artífices foron, desde o exilio ou desde o interior, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Ánxel Fole, Luís Seoane, Ricardo Carballo Calero, entre outros.
Autores
- Ánxel Fole (Lugo, 1903 – 1986). O seu primeiro libro de relatos, Á lus do candil, contos a carón do lume (1953), é un conxunto de relatos breves unidos por unha estrutura común: catro fidalgos cos seus criados están reunidos nunha vella torre incomunicada pola neve e, para pasar o tempo, contan historias. Outros: Terra brava (1955), Contos da néboa (1973), Historias que ninguén cre (1981).
- Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1894 – Vigo, 1979). Definiuse como escritor realista. Obras: A escadeira de Jacob (1933, publicada en parte na revista Nós); A esmorga (1959), considerada por algúns estudosos unha das novelas europeas máis interesantes da literatura contemporánea; Os biosbardos (1962), relatos breves ambientados no Ourense de comezos de século; Xente ó lonxe (1972), ambientada no Ourense natal, cuxo protagonista é Suso, fillo dunha familia de sindicalistas.
- Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981). O seu primeiro libro, Merlín e familia e outras historias (1955), amosa xa os trazos que caracterizarán a súa obra: mestura da realidade cotiá coa fantasía e o soño, dos elementos enxebres cos ambientes exóticos, alarde de imaxinación, lirismo e humor. A estrutura narrativa está baseada en pequenas unidades relacionadas mediante algún elemento unificador. Outras obras: As crónicas do Sochantre (1956), Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961), Escola de menciñeiros (1961), Xente de aquí e de acolá (1971), Os outros feirantes (1979), Tesouros novos e vellos (1964).
- Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, Pontevedra, 1928 – 2015). Autor de Memorias dun neno labrego (1961), o primeiro grande éxito de público lector de todas as idades da literatura galega: novela con trazos autobiográficos, narrada en primeira persoa polo protagonista, Balbino, un rapaz que nos conta a súa dura vida nunha aldea do interior de Galicia até que se ve forzado á emigración. Outras: Cartas a Lelo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977), Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Remuíño de sombras (1973), Querido Tomás (1980).
A literatura galega entre 1975 e a actualidade
Introdución: Tradicionalmente sitúase o ano 1975, data da morte do ditador Franco, como o comezo dunha importante serie de transformacións políticas, sociais e culturais que van propiciar unha nova etapa para Galicia: o inicio dun imparable salto cara adiante no proceso de recuperación do tempo perdido en case corenta anos de marxinación e falta de liberdades. Estes cambios afectaron de maneira moi notable á literatura galega. Outro feito decisivo foi a aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983), que serviu para xeneralizar a introdución da lingua galega en todos os niveis do ensino. Tamén é importante a aparición de numerosos premios literarios, que serviron para dar a coñecer novos escritores e escritoras e para potenciar a diversificación dos xéneros.
A poesía
Elementos máis destacados
- O estilo: cídase especialmente o emprego da lingua e intenta redescubrirse a dimensión estética do idioma.
- Os temas: ensánchanse as posibilidades temáticas: o erotismo, a reivindicación feminista, a reflexión sobre a propia poesía...
- As influencias: combínase tradición e modernidade, e aprécíase un gusto xeral polo culturalismo.
Autores e autoras dos anos 80 e 90
- Luís González Tosar (Bos Aires, 1952). Revelouse con A caneiro cheo (1981), obra que recibiu o eloxio unánime da crítica e os premios Esquío e Losada Diéguez. Outras: Remol das travesías (1989), Madeira do meu canto (1998), Invocación dun tempo (2001) e Estúrdiga materia (2008).
- Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956). Destacan Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de tenrura (1981) e Historia da Lúa (1984), dominadas pola temática erótica. Outras: Cinepoemas (1983), Lugo Blues (1987).
- Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957 – Barcelona, 2008). Ofrece unha voz poética moi persoal: poesía esencial, emprego de símbolos como o mar ou o outono, e preferencia por certos eixos temáticos como o tránsito cara á morte ou a infancia. Obras: As cidades da nada (1983), Designium (1984), Pasa un segredo (1988), Capitán Inverno (1999).
- Pilar Pallarés (Culleredo, A Coruña, 1957). En Entre lusco e fusco (1980) alterna o ton intimista cunha visión social e reivindicativa, herdeira da poesía dos anos 60 e 70. Outras obras: Sétima soidade (1984), Livro das devoracións (1996).
- Ronseltz. Colectivo poético de actitude iconoclasta e irreverente contra o culturalismo dos poetas dos 80, contra o suposto vangardismo do grupo Rompente e contra os clásicos vivos do momento. Parodian a lírica medieval, coa que coinciden nunha visión satírica e humorística, e renegan do Rexurdimento do XIX.
Poetas e tendencias actuais máis relevantes
A comezos da década dos 90 prodúcese un relevo xeracional que permite falar dun novo panorama poético. Os trazos comúns destes autores son: un bo coñecemento da lingua, a procura de novas canles de comunicación co público, a reclamación dunha poesía que participe na marcha cultural da sociedade e o intento de achegar a poesía a todo tipo de públicos. Hai dúas rutas fundamentais:
- A construción dun discurso feminino, con protagonismo das mulleres de diversas idades: María Xosé Queizán, Ana Romaní, Chus Pato, Marta Dacosta, Emma Couceiro, Yolanda Castaño, Olga Novo, Luísa Castro, Marilar Aleixandre...
- A poesía que parte do cotián, como é o caso de Fran Alonso.