A política e a crítica ao platonismo en Aristóteles

Classé dans Électronique

Écrit le en français avec une taille de 6,06 KB

A política: a idea de polis e a condición de cidadán

A ética aristotélica apunta á política e parece subordinarse a ela, porque os gregos non entendían ao ser humano en illamento, senón inserto nunha sociedade civil para poder conseguir a súa propia perfección individual. Ética e política ocúpanse de descubrir cal é o ben do ser humano. Ninguén pode ser virtuoso se non foi educado, e é ao Estado a quen compete, en último termo, a tarefa educativa. A Política é outra das obras de madureza de Aristóteles. Reflicte o carácter empírico da súa filosofía: antes de redactala, o pensador grego estudou as leis de diferentes cidades. Isto marca unha distancia ben clara entre a proposta política de Aristóteles e a de Platón: este entende a política como unha ciencia teórica, e intenta describir un modelo ideal de Estado, eterno e inmutable; o seu discípulo formulará unha política moito máis pragmática.

O ser humano como animal político, como cidadán

Adoptando unha vez máis un punto de vista teleolóxico, Aristóteles afirma que o ser humano é, por natureza, un animal político ou social, que só dentro da polis como cidadán pode realizarse plenamente. A vida en soidade é algo antinatural nos humanos, porque en illamento non pode conseguir perfeccionar todas as capacidades para as que está dotado de forma natural.

Prioridade da polis

O Estado é a comunidade perfecta, autosuficiente. Só no Estado pode conseguirse que reine o ben e a xustiza, e só o Estado fai posible a perfección última do ser humano. O fin do Estado é a felicidade e a perfección moral dos cidadáns. O Estado non só posibilita a vida moral, senón tamén a actividade intelectual. O traballo manual, como o dos escravos, artesáns, comerciantes ou o das mulleres no fogar, é degradante e impropio de homes libres. Por iso todos os traballadores manuais quedan excluídos da vida política e da cidadanía.

Formas de goberno

Aristóteles criticou a política idealista e utópica de Platón. Entendeu a política como unha ciencia empírica. Mantivo sempre o ideal da pequena cidade-Estado. Para Aristóteles o ideal era unha cidade feliz. En canto á preferencia polas distintas formas de goberno mostra a mesma clasificación que os sofistas: monarquía, aristocracia e democracia. Nas tres primeiras gobernan os mellores e máis virtuosos. Aristóteles non mostrou preferencia por ningunha forma de goberno. O seu pragmatismo permite deducir que tiña como referencia unha politeía baseada nas «clases medias» e gobernada polos «mellores». Propón unha ética e unha política feita á medida dos seres humanos, pero non de todos.

Conclusións

A filosofía de Aristóteles caracterízase pola fidelidade e ruptura con Platón. As novas formulacións aparecen como un intento de resolver os problemas formulados polo platonismo. Aristóteles propón a negación dos dous mundos, a afirmación de que o individuo concreto é o real, e a dinamización deste. Utiliza un «modelo biolóxico»: o organismo en desenvolvemento. Propón unha nova concepción da natureza que permite superar o monismo de Parménides e o dualismo platónico. Achega unha concepción da natureza do cosmos que estivo vixente ata a época moderna. Concibe ao ser humano como un organismo vivo máis. Inaugúrase unha concepción do ser humano como un ser unitario que rematará por impoñerse e que actualmente é a máis habitual. Desenvolve unhas visións flexibles e prácticas, que non se afastan da realidade. A influencia do pensamento de Aristóteles foi crucial para o desenvolvemento da nosa civilización. Todo o seu pensamento se impuxo sobre o platónico a partir dos séculos XI e XII.

Crítica á doutrina platónica

Semellanzas

  • A importancia das formas: Aristóteles non admitirá a dualidade de mundos, pero si a de conceptos, de xeito que as formas platónicas van permanecer na filosofía de Aristóteles como un elemento fundamental. Segundo este, todos os entes están constituídos de materia e forma. Non admitirá unha separación entre as ideas e as realidades físicas como ocorría en Platón.
  • Coñecemento sensible e intelixible: Platón estableceu dúas clases de coñecemento: o que nos vén dado polos sentidos e o intelixible. Entrambos existe unha relación, xa que o coñecemento dos sentidos é o preámbulo do coñecemento intelixible. Aristóteles mantén esta distinción. Este, como empirista, non despreza os sentidos tal como ocorría en Platón; el consideraba que os sentidos eran unha fonte de información fiable.
  • A ciencia como un coñecemento por causas: De maneira semellante a Platón, define a filosofía como a ciencia primeira, por ter esta por obxecto o estudo das primeiras causas.
  • A concepción teleolóxica: Aristóteles afirma que a súa concepción finalista lle vén herdada de Platón. Aplica a concepción teleolóxica a todos os ámbitos do coñecemento e da acción. Nada sucede ao azar, todo ten un fin.
  • Relación entre ética e política: Aristóteles admite a identificación entre ambas ciencias prácticas; considera que ética e política perseguen o mesmo obxectivo: o ben e a felicidade.

Diferenzas

  • Crítica ao idealismo platónico: Aristóteles nega a existencia das ideas ou formas platónicas como únicas e auténticas realidades.
  • Crítica ao dualismo ontolóxico: Recupera o mundo físico, suprime o dualismo e elimina a concepción pexorativa da natureza existente en Platón.
  • Crítica ao dualismo antropolóxico: Para Aristóteles o ser humano é unha soa entidade.
  • Crítica á epistemoloxía platónica: Propón unha epistemoloxía empirista.
  • Crítica á teoría política: Aristóteles oponse ao idealismo político de Platón, propondo no seu lugar unha teoría política pragmática e realista. Propón unha sociedade real.

Entrées associées :