O teatro galego contemporáneo
Nestes anos o teatro galego vaise consolidando como xénero literario e como industria cultural. Son varios os factores que demostran este desenvolvemento:
- Consolidación de compañías e grupos profesionais.
- Proliferación de festivais, certames e premios dedicados á produción dramática.
- Aparición de coleccións dedicadas a textos teatrais e revistas especializadas.
- Creación de salas estables de teatro (Sala Luís Seoane, Sala Nasa en Santiago, etc.) e de circuítos teatrais que permiten ás compañías representaren por todo o territorio galego.
- Creación de centros de formación teatral: Casahamlet (A Coruña), Aula Aberta (Santiago), Escola Superior de Arte Dramática (Vigo).
- Desenvolvemento do teatro infantil e xuvenil, que na actualidade goza de boa saúde e acollida; especialmente o teatro de monicreques e títeres.
Temas e autores dos anos 80
Nesta década xorde o teatro profesional e as compañías teatrais estables. Grupos como Troula, Sarabela, Caritel... e sobre todo, en 1984, a creación do Centro Dramático Galego (CDG), grupo profesional que depende da Consellería de Cultura. O CDG pon en escena versións de autores clásicos universais (Molière, Pirandello), gregos clásicos (Eurípides, Sófocles) e produción propia.
A xeración de autores dos 80 é variada, de temática heteroxénea. Polo xeral, os seus textos caracterízanse por:
- Frecuente recurso ao metateatro (teatro dentro do teatro).
- Descrición da realidade a través de símbolos.
- Importancia do individuo, do subxectivismo e do intimismo.
- A defensa do espazo urbano.
- Incorporación do humor, a ironía, o mundo dos soños e o irracional.
Destacan autores coma:
- Xesús Pisón: un dos autores máis representados no ámbito do teatro infantil e xuvenil. Destacamos obras como O xigante don Gandulfo, señor de Tentequedo (1980) e O pauto (1983). A súa obra, que nas primeiras pezas se decantaba pola farsa satírica e esperpéntica, evoluciona na actualidade cara á recreación de conflitos máis complexos, que teñen que ver coas relacións humanas: incomunicación, hipocrisía, etc.
- Manuel Guede: tradutor e adaptador de autores clásicos (Molière, Shakespeare, Ibsen...). Foi director do Centro Dramático Galego durante 15 anos.
- Miguel Anxo Fernán-Vello e Martínez Pereiro: practican o chamado metateatro.
Temas e autores dos anos 90
En 1990 a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia aprobaba un documento que establecía os obxectivos e liñas de actuación. A creación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) fomentará o teatro e asinará convenios anuais con distintas compañías teatrais, o que supón a estabilidade económica destas entidades.
Aumenta o número de compañías e amplíase o mundo teatral para a infancia con pezas de boa calidade: mimos, títeres, marionetas, etc. Así mesmo, increméntase a convocatoria de premios. As tendencias son tamén heteroxéneas e case todas buscan un obxectivo común: atraer público.
As características teatrais nestes anos resúmense en:
- O teatro do absurdo: influenciado por Sartre e Camus, con monólogos incoherentes.
- Teatro experimental: dá primacía ao espectáculo por riba do texto literario. Adquiren importancia os elementos plásticos e sonoros: o xogo de luces, a música, a interacción co público, etc.
- A comedia: principalmente da man de compañías como Ollomoltranvía e Chévere.
- Adaptación teatral de textos clásicos galegos como A lagarada ou O Mariscal.
- Adaptación de textos narrativos a textos teatrais.
- Combinación de rexistros cultos e populares.
- Ambientación en espazos marxinais.
Destacamos autores como:
- Gustavo Pernas: fai un teatro innovador, como acontece na ruptura do concepto tradicional do argumento. Usa diálogos con dobres sentidos e xogos de palabras. O humor ocupa un papel importante non só como diversión, senón como medio para reflexionar sobre todo tipo de temas (soidade, desesperanza, etc.). Busca espertar o interese do espectador e provocar nel desconcerto e estrañeza. Algunhas obras: Footing, Sucesos.
- Cándido Pazó: autor e director. De formación autodidacta, entrou en contacto co teatro de Ribadavia a finais dos anos 70. Traballou como guionista para series de televisión e traduciu ao galego pezas clásicas como O Rei Lear de Shakespeare. As súas obras máis representativas son O último roedor e Binomio de Newton.
- Inma Antonio Souto: iníciase no teatro como actriz. Acadou varios premios. O seu teatro é comprometido e reflexiona sobre temas de actualidade (a ética no mundo científico, a guerra, a SIDA...), mesturando o ton cómico e o tráxico.
Dramaturgos, tendencias e compañías actuais
Co novo milenio consolídase o número de autores e mellora a calidade literaria. Aumenta a produción e a adaptación de textos non teatrais e de autores clásicos. Procúrase captar público a través de varias vías:
- Aumentan os lugares para ver estes espectáculos: amplíanse os circuítos teatrais, funcionan salas alternativas e increméntanse os espectáculos de animación na rúa e dos narradores orais (contacontos). Internet estase a converter noutra vía de difusión teatral.
- Creación de obras dirixidas a un público xuvenil.
Quizais hoxe en día o teatro se asemella aos outros xéneros literarios: prodúcese máis do que se consume. A administración autonómica debería promover iniciativas e favorecer o traballo profesional de actores, actrices, produtores e empresarios.